Sesión dobre de conta contos

Este martes tivemos sesión dobre de contadas. Á mañá volvemos a Limiñoa para seguir zugando desa fonte sen fin que é a memoria de Matilde… Non lle queda nada que aturarnos!

Á parte de contos, lendas e recitados, recomendámosvos especialmente dúas gravacións: a primeira serve para inaugurarmos o apartado de Datos de interese e nela escoitaredes como se celebraba antigamente o entroido en Limiñoa, unha xornada chea de xogos e representacións onde o fundamental era o enxeño propio dos participantes. A segunda dános pé para un novo apartado en Para usares e trátase da receita do bolo do muíño; descoñecemos a vixencia que este prato poida ter hoxe en día pero estivemos preguntando e ninguén parecía recordalo, por iso nos parece interesante axudar a difundilo.

Á tarde xuntámonos cos participantes da escola de maiores que organiza o Concello. A confianza que lles outorga o teren compartido aulas axudou a que non fixese falta moito para empezar a romper o xeo e escachar ás gargalladas. Comprobamos que a fama de pavero de Jesús de Tella non era inmerecida e atrás del foise soltando o resto (máis as mulleres ca os homes, todo hai que dicilo).

Escola de maiores

Desta sesión salientamos aquí dous pequenos recitados, o primeiro dos cales chama ademais a atención por mesturar as dúas denominacións dos días da semana. A outra é un trabalinguas (para que se entendese ben tivemos que pedir que se dixese máis ou menos amodo, pero probade a facelo a rápido!).

Cando queres que fíe, condenada!

Trabalinguas do martelo

Deixar un comentario