Camiños vellos

O pasado mércores tivemos o pracer de pasar a mañá na sabia e grata compaña de Gabriel Varela, a quen seguro que moitos e moitas das que pasades por aquí coñeceredes. Gabriel é xa un vello amigo do proxecto Ponte na fala, e a el debémoslle o poder contar  moitos dos tesouros  que agocha un territorio de Brantuas e Niñóns especialmente prolífico en patrimonio material e inmaterial. Ou, quizais, esa abundancia se deba realmente á fortuna de ter entre a veciñanza persoas coma Gabriel, homes e mulleres que individualmente ou desde o movemento asociativo traballan na conservación e posta en valor do patrimonio, movidas unicamente polo amor á terra e ás súas xentes.

O obxecto da paseada era coñecer a rede de camiños que comunican (ou comunicaban) e dan unidade aos distintos puntos desta área. A contorna conta ao noso ver con dous  núcleos especialmente interesantes polo seu valor patrimonial: a zona de Santa Mariña/praia de Niñóns, co castro, os restos da capela, seguramente paleocristiá, e as numerosas lendas, pola banda do litoral, e o monte do Faro, coa capela, a fonte, os cruceiros ou as mámoas, pola banda do interior.

A proximidade e a complementariedade entre os distintos bens que acumula esta reducida área fan dela un lugar apropiado para un xeitoso paseo no tempo (un algo costento ás veces, todo hai que dicilo): desde o neolítico, coas súas mámoas, até a Alta Idade Media na que, probablemente, teñan orixe os restos da capela de Santa Mariña, pasando pola Idade do Ferro, co castro de Niñóns (e non podemos esquecer tampouco o importante grupo de petróglifos das veciños montes de Corme).

Faro e Santa Mariña

Canda o coñecemento destes vellos camiños, perdido hoxe en parte o seu trazado orixinal, (aínda que doado de recuperar case todo cun pouco de limpeza do mato), outro interese que tiñamos era o de pescudar na toponimia á procura de pistas sobre a historia e as historias que esta contorna de seguro agocha aínda. Dous destes nomes de lugar chamáronnos en principio a atención: A Vixía e A Eirita. Este último, como apuntou Gabriel, podería indicar unha posible localización anterior do santuario en que hoxe se venera a Nosa Señora do Faro. Polo momento deixarémolo en que “podería”.

_DSC0128

Vello e humilde cruceiro, luído do tempo, á beira do camiño que unía Brantuas co Faro

 

A galiña e os pitos de ouro

Haberá cousa dun mes participamos nunha interesantísima actividade organizada pola concellería de Cultura de Ponteceso. Consistiu primeiro nunha ruta desde a praia da Ermida ata a pedra da Serpe, e rematou, xa de noite e movéndose en coche, na capela do monte Faro. O particular deste paseo, guiado por unha arqueóloga e un astrónomo, foi que as explicacións sobre o patrimonio e a tradición oral complementáronse e vinculáronse coa observación astronómica. A verdade é que agardamos que se volva facer e recomendámosllo a todo o mundo.

O caso foi que co conto da andaina veunos a cabeza a lenda da galiña cos pitos de ouro. É unha historia moi curta; simplemente se di que en certos lugares, ás veces só en determinados momentos (a noite de San Xoán, por exemplo) aparece unha galiña cuns pitiños de ouro. O conto é moi común por todo o territorio galego, ás veces con algunhas variacións (no concello de Porto do Son, por exemplo, eran unha lebre e as súas crías). En Ponteceso, polo de agora, só a temos localizada na praia de Niñóns (tamén grazas a Gabriel Varela, por certo). O certo é que hai quen sostén que esta lenda alude a unha constelación, a coñecida en galego como Setestrelo e, en moitas outras linguas e tradicións europeas, como a galiña choca cos seus pitiños. A quen lle interese máis este tema recomendámoslle un artigo do profesor Alonso Romero, publicado no Anuario Brigantino, que pode lerse nasta ligazón.

Se a isto engadimos que unha das teorías sobre o topónimo e o culto a Santa Mariña, (recordemos, a illa próxima a Niñóns), é a de que se trata dunha cristianización do culto romano a Venus (hai outras teorías, con todo), xa temos aliciente abondo para incluír a área en futuras propostas de arqueoastronomía.

 

 

 

 

Advertisements