Regueifeir@s

Parece que a regueifa está de moda. A semana pasada xuntáronse en Carballo preto dun cento de persoas nas xornadas formativas do proxecto Enreguéifate, unha iniciativa pensada para pór en valor a arte da improvisación en verso fundamentalmente a través do seu aproveitamento no ensino.

O encontro pechouse nunha ateigada taberna O Mexillón, onde, canda outras persoas, Antonio de Xornes e Lupe Blanco impresionaron o público co seu enxeño

Nunha entrada anterior xa vos recomendabamos a recente obra Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs Calviño de Tallo, da investigadora e cantante Alba María Rodríguez, unha obra na que de xeito ameno se nos conta a orixe e evolución desta arte e onde se pon de relevo o especial arraigamento que tivo na nosa comarca. É esta sen dúbida unha das zonas onde máis vizosa se mantivo a regueifa, mudando cos tempos e  espallándose alén do seu escenario orixinal nas celebracións dos casamentos, ata chegar incluso a permitir a semiprofesionalización das súas estrelas que, como contaba Antonio, percorreron Galicia de arriba abaixo contratadas para participar en multitude de eventos.

Así e todo, quizais onde con máis nitidez se observe esa querencia bergantiñá pola regueifa é na pervivencia na memoria colectiva non só dos nomes dos homes (e dalgunha muller) que compuxeron as súas coplas con especial destreza, senón de estrofas que, nacendo froito da habilidade precisa para armalas en escasos segundos, saíron con todo tan ben compostas e tan agudas que continuaron recordándose xeración tras xeración.

O fragmento que a seguir podedes escoitar na voz de Narcisa abrollou lixeiro na mente do mítico Cadete de Figueiroa e dun contricante de quen non sabemos o nome, nalgunha porfía moito antes de que a propia Narcisa nacese

Seguiremos falando de regueifas pero por hoxe despedímonos con outro fragmento histórico, tamén da autoría de Cadete, que chama a atención por unha certa melacolía, tan distante do habitual ton de rexouba propio destas disputas. Sentimos non dispor do audio, polo que transcribimos as palabras de Ángel Mato:

“Si, aquí en, en Bergantiños, hubo, bos regueifeiros, non? E, esto que chaman no País Vasco os Bertzolaris, non? Ou sea que son, sátiras ou anécdotas, en forma de, en forma de copla, sátiras de tipo personal ou de tipo parroquial. E aquí tenos habido bos, conta, oínlle, a, non sei se foi a mi padre, que había un tal, un que lle chamaban Cadete, Cadete de Figueiroa, e este home tuvera unha moza, e despois por haches ou por bes deixáronse, non?

O caso foi que, este home, Cadete, o día da voda da súa moza, presentouse no atrio, e cando salíu, salía xa a moza, que fora del, casada, xa, botoulle un par de coplas, dicindo, nunha delas dicíalle:

Adiós Claudia da miña vida

que xa che perdín en mentes

acabas de facer un nó

que non se desfai cos dentes.

Adiós portales de Claudia,

cantas veces vos abrín

tantos santos te acompañen

como de pasos perdín”

 

Advertisements

Volvemos a Santa Mariña, e desta vez…

Se lestes a primeira entrada desta nova andaina, Con Ángel e Josefa por Niñóns, veriades que andabamos osmando sen moito éxito arredor dos segredos que puidese agochar a insua de Santa Mariña, mais velaí que non tardamos moito en atopar a fortuna; a fortuna de dar con Santiago Rodríguez