Historias

Chegamos cas Narcisa, en Bardaio, porque alguén nos dixo que tamén ela armaba historias. Miúda e de ollos vivos, nega tal cousa pero invítanos a entrar e a dar unha pouca de leria. Ao cabo admite que unha historia si que armou, aínda que prefire non dala a coñecer. Ocorréuselle aos poucos, mentres coidaba do gando ou entre unha e outra angueira nas leiras do arredor. O tema, a parcelaria e as retesías que os movementos de marcos sempre acenderon nesta terra.

Antes de seguir aclaramos que co termo “historias” referímonos aquí aos textos das comparsas, que se cantan preferentemente polo entroido. Para falar da acción de compoñelas o verbo que decote usan os maiores é “armar”. Moitas delas prenden logo na memoria dos veciños, que continúan a cantalas a calquera hora. Aquelas que máis gusten han perdurar, mesmo aínda que as persoas que as entoen xa non garden memoria dos feitos relatados. 

Todos asociamos as comparsas de entroido co relato satírico do acontecido durante o ano e coa crítica máis ou menos mordaz a obras ou medidas das institucións que se consideran mal feitas ou inxustas . A historia aseméllase en boa medida á regueifa, tamén na forma, coas estrofas de catro versos de oito sílabas dos cales riman o segundo e o cuarto versos (por certo, que a quen queira saber máis sobre a regueifa recomendámoslle o libro Regueifa en Bergantiños, da cantante e investigadora Alba María Rodríguez, recentemente publicado); mais a comparsa, claro está, non é improvisada. Ben ao contrario, xa moitas persoas nos teñen contado con canta antelación e cautela as cuadrillas preparaban as cántigas que logo habían interpretar.

A sátira e a crítica que conteñen estas letras danse polo tanto no contexto do entroido, cando o lecer e a diversión importan máis ca calquera outra cousa. Mais iso non quita que poidan ser vistas como un verdadeiro instrumento de denuncia. Grazas a Narcisa podemos amosarvos a seguinte historia, cuxa primeira parte, titulada Os mal asisados, xa cantaba a nai da propia Narcisa.

Como vedes, aquí parece que non andaban con moitas bromas e o asunto acaba no “Xusgado”. Non temos máis datos sobre esta historia pero podemos supoñer que “os agrarios de Cores”, aos cales lles asaltan a “sociedá”, serían os labregos desta parroquia membros das sociedades agrarias que inzaron o país no primeira parte do século XX; o “corbo” a quen “chámanlle a ave negra/ porque viste de zagal” entendemos que sería un crego.

Os burros

Non tan populares coma as comparsas ou as regueifas, pero tamén cheos de creatividade e humor, os burros son cartas en verso que se envían dúas persoas e constitúen outro enredo propio dos tempos do entroido. Escoitade un exemplo na voz de Narcisa.

 

E para rematar esta entrada, un arrolo de agasallo. A persoa que nolo cantou prefire neste caso que non publiquemos o seu nome.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s