Con Ángel e Josefa por Niñóns

 

 

1º fío: o latín

Ángel e Josefa viven na casa “do Canteiro”, en Niñóns. Non deixa de ser curioso que na terra dos canteiros haxa unha familia alcumada “do Canteiro”. Josefa exlícanos que o bisavó tiña ese oficio e chegou a Niñóns desde a banda de Pontevedra. Aquí namorou e casou, e velaí o alcume. Canda el debeu traer non só o oficio senón tamén probablemente o “latín dos canteiros”.

Consultamos con Gabriel Varela, autor da Lembranza aos nosos canteiros, que dedica unha parte á “verba” e, sen atreverse a asegurar nada polo momento, considera probable que a pegada pontevedresa tanto na arte de traballar a pedra coma na peculiar fala se relacione coa remodelación da igrexa de Brantuas na primeira metade do século XIX.

Cunha miguiña de nostalxia Ángel laméntase por non ter a man un compañeiro con quen botar unha parrafada no latín, mais finalmente accede a deixárnolo escoitar un chisco e ensínanos algunhas palabras como xeva (vella), cota (nai ou pai), mógaro (lorcho) ou escamelo (peixe).

2º fío: Santa Mariña

Preguntamos por Santa Mariña e tanto Ángel coma Josefa din non saber moito, polo menos do relacionado co que en principio nos interesa. Pero velaí que coma quen non quere a cousa dannos unha pista. Non lonxe da illa, nun lugar coñecido como A Matanza, cóntase que foron aniquilados os mouros tras unha dura persecución. Na Matanza hai unhas pozas que secan no verán e volven xurdir no inverno e, cando o fan, a auga abrolla vermella coma o sangue. Quizais sexa só coincidencia, mais non deixan de chamar a atención estas pozas sanguentas tan preto da nosa Santa Mariña; no seu santuario máis coñecido, o de Augas Santas, en Allariz, cóntase que a cabeza decapitada da mártir choutou ao caer ao chan e que alí onde choutaba manaba unha poza de auga. O mesmo sucede noutros espazos dedicados a esta santa, como nos explica Rafael Quintía en Mariña: de deusa a santa, un recente estudo no que o investigador pescuda os primitivos procesos de apropiación dos cultos anteriores ao cristianismo e a relación entre a figura de Mariña e algunhas deidades celtas, nomeadamente a deusa Nabia.

Pola mesma zona onde se localiza o topónimo da “Matanza” atopamos un “Lago”, e velaquí o que que Rafael Quintía nos conta da Santa Mariña do monte Seixo, en Cotobade: …a cabeza decapitada deu lugar ao nacemento de tres pozas que acabarán formando as lagoas de Xestido que, como castigo, asolagaron a cidade de Trentinán matando a todos os seus pecaminosos moradores…”

Seguiremos tirando deste fío, a ver o que atopamos.

3º fío: armando historias

Parece que a palma nisto de armar historias lévana as veciñas parroquias malpicás de Mens e Barizo, mais todo se pega. Cunha xenerosidade que moito lle agradecemos, Ángel agasállanos cun exemplar orixinal da historia que el mesmo armou polo entroido de 1961. Fálanos tamén do proceso: como a cuadrilla tomaba un tempo para preparar a creación sen que ninguén soubese o que estaban a argallar; como había que ir a Carballo pagar unha taxa e levar a composición para que a revisasen as autoridades, e como, finalmente,  chegado o entroido percorrían os rueiros cantando as súas coplas e vendendo copias polas portas. Botádelle un ollo se queredes saber algo do que se coceu por Brantuas, Niñóns e arredores aló por 1961. Por certo, que Ángel e Josefa din que moito lles prestaría ver outra vez nenas e nenos cantando historias polos rueiros do lugar. Quizais fose tamén un bo xeito de estudar Lingua.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s