Entroido

Boas!!
Por diversos motivos non puidemos atender ultimamente o blog como desexariamos, pero temos varias entrevistas en reserva das que vos imos ir dando conta en vindeiros días.
Antes de nada temos que desvelar a resposta á adiviña formulada no anterior post. Efectivamente, como suxería a reformulación de Gabriel no comentario, a resposta é A Campá.
Tampouco queremos deixar pasar a ocasión de difundir o material que polo de agora temos atopado con respecto a estas datas nas que estamos. Xa nos esquecemos no Nadal, cando perdemos a ocasión de darlle maior relevancia ás varias pezas de aguinaldos, aninovos e maitines que temos recollida e non queremos que nos volva pasar. Por iso imos colocar a seguir esta gravación sobre o antigo antroido en Limiñoa, gravación que xa estaba ao dispor do público no apartado de Gravacións/Datos de interese.
Aínda que non preguntamos máis polo asunto, supoñemos que este tipo de representacións que nos contan de Limiñoa serían comúns aos lugares e parroquias da contorna. O que ides escoitar é a descrición de varios xogos e representacións que segundo Antonio Reigosa poderían catalogarse como de teatro popular e nas cales prima a o humor e o desenvolvemento da propia creatividade.