Antigos ritos arredor do Fuso da Moura

A primeira vez que oímos falar do Fuso da Moura foi na Campara, a Teresa de Mingos. Falounos do que lle contaba súa nai, das lendas de mouros, e onte por fin puidemos ir ver a sonada pedra no alto do monte e escoitamos algunhas historias máis sobre a súa función. Temos que darlles unhas ben merecidas gracias a José (Cambón) e a Gabriel, veciños de Brantuas e membros da súa asociación, que non só botaron a mañán canda nós senón que aceptaron guiarnos por entre as toxeiras e ladeira arriba, ladeira abaixo, seguindo ás veces non máis ca o carreiro que deixa o xabarín. O principal motivo de pasar estes traballos non é outro ca localizar o sitio exacto das lendas para despois situalas no mapa desta páxina.

Gabriel, á esquerda, e Cambón cabo do Fuso da Moura

A pedra que podedes ver na fotografía non é en realidade o Fuso da Moura, segundo nos conta Cambón. El xa non o recorda ben, pero cre que debeu ser aló polo conrenta e cinco cando a pedra orixinal desapareceu, e tempo despois apareceu substituída por estoutra que agora vedes. A orixinal era dunha dimensión moito maior. Esta pedra marca o linde entre as parroquias de Mens e Niñóns, e daquela, tamén entre os concellos de Ponteceso e Malpica. O que nos atopamos, en todo caso, é unha pedra fita, un menhir, e como tal habería moito que investigar arredor del. Nós sabemos que está catalogado, pero descoñecemos outra información ca a que nos teñen fornecido estes dous informantes, Teresa e José.

En concreto, José non recorda ningunha información relacionada coas lendas de mouros, pero si nos fala dun rito practicado antigamente para sandar o gando, e que consistía en levar o animal enfermo ata a pedra e facerlle dar arredor dela un número impar de voltas. Pero mellor escoitádeo a el, (a gravación fixémola alí mesmo e o vento dificulta un pouco a escoita, pero enténdese perfectamente)

Se queredes coñecer a situación exacta do Fuso da Moura podedes vela no apartado do Mapa; premede en View Larger Map e a carón del xa vos aparece a ligazón a cada unha das lendas e gravacións. Para visitala podedes achegarvos ata moi pretiño no coche, aproveitando as pistas dos eólicos, pero despois hai que camiñar un anaquiño campo a través e finalmente chegar ata o lugar por unha corredoira pola que se anda con algunha pequena molestia dos toxos.

Unha nova adiviña

Hoxe non nos imos enlear moito co artigo. Só recuperamos aquel costume inicial de proporvos unha adiviña, neste caso contada por Genoveva de Corme. Xa sabedes, deixámola uns días aquí, en espera das vosas respostas, e despois damos a solución ou desvelamos quen acertou.

As comparsas de Mens e Barizo

Hoxe imos saír unha miguiña do ámbito xeográfico estrito do noso proxecto. Un case nadiña, até as veciñas parroquias malpicáns de Mens e Barizo.

Matilde e Benigno cantando

A Benigno e Matilde, e a Lelo, veciños da Limiñoa e membros todos de Raíces Combinadas, dóuselles por se xuntaren para recordar os tempos en que polo entroido e a pascua, a xente nova de Mens e Barizo corría os rueiros cantando historias que eles mesmo ordenaban.

Quen acorde aqueles tempos saberá da importancia que se lle daba a estas “comparsas”. Por moitas casas aínda andarán as follas que imprimían coas letras, para as vender logo das súas actuacións.

Benigno, natural de Barizo, aínda que veciño da Limiñoa desde que casou con Matilde, recorda como os mozos se reunían ás noites nun muíño, para ensaiar ás agochadas, temorosos de que alguén puidese “filtrar” as letras e estragárlle-la sorpresa.