Antigos ritos arredor do Fuso da Moura

A primeira vez que oímos falar do Fuso da Moura foi na Campara, a Teresa de Mingos. Falounos do que lle contaba súa nai, das lendas de mouros, e onte por fin puidemos ir ver a sonada pedra no alto do monte e escoitamos algunhas historias máis sobre a súa función. Temos que darlles unhas ben merecidas gracias a José (Cambón) e a Gabriel, veciños de Brantuas e membros da súa asociación, que non só botaron a mañán canda nós senón que aceptaron guiarnos por entre as toxeiras e ladeira arriba, ladeira abaixo, seguindo ás veces non máis ca o carreiro que deixa o xabarín. O principal motivo de pasar estes traballos non é outro ca localizar o sitio exacto das lendas para despois situalas no mapa desta páxina.

Gabriel, á esquerda, e Cambón cabo do Fuso da Moura

A pedra que podedes ver na fotografía non é en realidade o Fuso da Moura, segundo nos conta Cambón. El xa non o recorda ben, pero cre que debeu ser aló polo conrenta e cinco cando a pedra orixinal desapareceu, e tempo despois apareceu substituída por estoutra que agora vedes. A orixinal era dunha dimensión moito maior. Esta pedra marca o linde entre as parroquias de Mens e Niñóns, e daquela, tamén entre os concellos de Ponteceso e Malpica. O que nos atopamos, en todo caso, é unha pedra fita, un menhir, e como tal habería moito que investigar arredor del. Nós sabemos que está catalogado, pero descoñecemos outra información ca a que nos teñen fornecido estes dous informantes, Teresa e José.

En concreto, José non recorda ningunha información relacionada coas lendas de mouros, pero si nos fala dun rito practicado antigamente para sandar o gando, e que consistía en levar o animal enfermo ata a pedra e facerlle dar arredor dela un número impar de voltas. Pero mellor escoitádeo a el, (a gravación fixémola alí mesmo e o vento dificulta un pouco a escoita, pero enténdese perfectamente)

Se queredes coñecer a situación exacta do Fuso da Moura podedes vela no apartado do Mapa; premede en View Larger Map e a carón del xa vos aparece a ligazón a cada unha das lendas e gravacións. Para visitala podedes achegarvos ata moi pretiño no coche, aproveitando as pistas dos eólicos, pero despois hai que camiñar un anaquiño campo a través e finalmente chegar ata o lugar por unha corredoira pola que se anda con algunha pequena molestia dos toxos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s