Parece botado do mar de Niñóns

Gabriel Varela é xa un vello coñecido do Ponte na Fala. Colaborador desde o principio na procura de informantes, el mesmo é un apaixonado da tradición oral e da historia da súa contorna. Temos que agradecerlle que nos propiciase o contacto con outros informantes e que achegase ao proxecto gravacións que el mesmo tiña realizado, como A flor do Alilaicontada por Concepción Varela. Porén, non o demos convencido aínda para recoller a súa propia voz. Todo o máis, conseguimos que nos dese permiso para divulgar algún texto da súa autoría, baseados ou que utilizan case sempre algún elemento de tradición oral.

Para esas reelaboracións, Gabriel usa principalmente historias que de neno lle oía contar a seu bisavó Ramón, por quen logo se decata un de que continúa a sentir absoluta devoción. Del  herdou moitas historias e probablemente tamén o gusto polo propio feito de narrar.  A seguinte anécdota pode dar fe de ata que punto Ramón lle daba importancia ao contar:

Un día, mentres Ramón contaba unha historia, Gabriel protestou porque aquela xa lla oíra máis veces. Ramón ignorouno, e seguiu, e seguiu, e cando rematou, preguntoulle ao rapaz se de verdade xa lle contara aquel conto, ao que Gabriel tivo que responder que non, que desta vez era máis longo. Entón o bisavó explicoulle:

“As historias son coma os cartos, se tes unha peseta, e lle xuntas outra, e logo outra e outra máis, xa non tes unha peseta, que tes un peso”.

En fin, opinións á parte sobre a importancia do tamaño nunha historia, no hai dúbida de que lle quedou unha xeitosa explicación.

O Petón da Vella, na praia de Niñóns

Con Gabriel estivemos o pasado mércores percorrendo a contorna do castro de Niñóns, coa igrexa parroquial aos seus pés e a carón os veciños Casales, onde se observa perfectamente como os valados das leiras aproveitaron partes das construcións que formaban o primitivo Niñóns. Á verdade é que estamos ante unha zona excepcional, por beleza e historia, rematando coa preciosa praia alí á beira. Por certo, e desculpade a leria, pero resulta ben interesante descubrir como deste primitivo poboamento de Niñóns (falamos dos Casales, non do castro) aínda queda memoria na tradición oral. Gabriel dinos que se conta a historia da última persoa que vivira alí, unha señora que ao parecer tivera pousada e estivera involucrada, como encubridora, nun  crime. Como vedes, materia a esgalla para fabular.

Para coñecerdes mellor o lugar, botádelle un ollo a este texto, da autoría de Gabriel, falando acerca da habitante máis lonxeva da praia de Niñóns: O Petón da Vella

Advertisements

A lenda de Valverde

Na xeografía mítica de Galicia abundan as referencias a antigas vilas ou lugares asolagados, e en varios deles repítese o nome de Valverde. É o caso que se dá tamén en Corme, nas dunas e o areal que hoxe se coñecen como praia da Ermida por mor do templo que existiu na illa da Estrela. En realidade, toda esta zona, incluída a propia illa, están inzadas de lendas (moi preto está a Furna dos Encantos, da que xa temos falado, e tamén a coñecida Pedra da Serpe de Gondomil).

Praia da Ermida e illa da Estrela ao fondo

Para nos referir a versión cormelá desta historia botamos man, unha vez máis, de Rosita (a quen non a coñeza recomendámoslle o anterior artigo deste blog Mentres haxa quen o conte)

Xa sabedes que en cada artigo adoitamos destacar unha única gravación, aínda que outras realizadas na mesma sesión poidan subirse aos distintos apartados. Non obstante, neste caso queremos chamar a vosa atención sobre outra historia, que demos en chamar Meu monte da Ermida! e que podedes escoitar no apartado Historias de personaxes locais.

Por último, contarvos que desta última gravación con Rosita tamén nos chamou moito a atención un dos refráns que nos dixo (até o de agora non estabamos recollendo moitos refráns e por iso aínda non teñen creado o seu apartado, pero logo será). Este refrán, como dicimos, chamounos a atención tanto pola súa sonoridade como pola fondura da mensaxe que encerra:

“Hai que deixar andar o can ca roca, que tempo ten a roca e tempo quen a xoga”.

O que se quere dicir, segundo nos explica Rosita, é que as persoas somos un xoguete nas mans do tempo igual que a roca (a do liño, enténdese) o é entre os dentes do animal.  Ala, aí queda eso!

Adiviñas

Pois si, a nosas dúas únicas e afoutas participantes, Mariluz e Ana Eiroa, deron coa solución da anterior adiviña: avoa, nai e filla.

Aínda que só dúas persoas se atrevesen a responder, a gravación rexistrou un elevado número de escoitas e iso anímanos a seguir propóndovos máis adiviñas. Velaquí tedes a seguinte

Un consello e unha pista para os máis novos: a resposta é un obxecto que hoxe xa non se usa moito, ou polo menos co seu uso orixinal, aínda que seguro que todos tedes visto algún; por iso, recomendámosvos que o consultedes cos vosos maiores.