O Canleiro dos Encantos

Van alá tres meses desde o comezo do traballo de campo e logo desta húmida travesía estival xa se nos van afirmando algunhas tendencias do Ponte na Fala. Por exemplo, dúas das máis claras: o informante é preferentemente muller e, ademais, gosta de escribir.

Calquera que estea a seguir este blog pode decatarse doadamente do primeiro destes feitos; do que quizais non falásemos tanto é da recorrente afección á escrita que estamos a atopar entre as nosas e os nosos informantes. Estamos comprobando como estas mulleres e homes, frecuentemente, unen a esa sensibilidade especial cara aos relatos e poesías de tradición oral, o talento e as ganas para realizaren eles mesmos as súas propias creacións.

Disto que estamos a falar é un exemplo claro a nosa última informante, Carme Eiroa, da parroquia Tallo. No seu caso, esta afección xurdiu dun xeito totalmente casual, segundo nos confesa, casual e á vez tan tenro que, co seu permiso, queremos contalo aquí: o caso foi que hai xa uns anos, a daquela pequena Tatiana, con motivo dunha festividade familiar agasallara a súa avoa Carme cun debuxo; esta, buscando un xeito á altura de corresponder o xesto da pequecha, decidiu escribirlle unha carta, e tantas voltas lle deu, tanto leu e releu, e cambiou, e buscou a palabra precisa, que ao rematar sentiu unha enorme satisfacción que a deixou para sempre enganchada á laboriosa arte de escribir.

Carme e a súa neta Tatiana

Sabemos dalgunha outra interesante historia na que relatos da tradición oral serviron como ben que intercambiar, case coma se das mil e unha noites se tratar, pero iso deixámolo para outra ocasión. Agora toca falar un bocadiño máis do que nos deparou o encontro con Carme.

Por unha banda, sacamos unha manchea de regueifas históricas, atribuídas ao célebre Cadete de Figueiroa e mais a outra excepcional e non menos coñecida personaxe, Leonarda. O de excepcional vén porque non era habitual que as mulleres se dedicasen, polo menos publicamente, á arrte de regueifar. De aí o testemuño dunha desas regueifas que Carme nos contou, na que Leonarda usa o tema do abraio que o seu atrevemento producía entre o público feminino.

Para quen non oíse falar de Cadete nin de Leonarda aclaramos que ambos son coetáneos de Eduardo Pondal, poetas populares os dous, regueifeiro e regueifeira, concretamente, e que a lembranza que a nivel popular queda hoxe pola contorna pode darnos idea de ata que punto Bergantiños é terra afeccionada á regueifa. Sen dúbida queda aquí un tema ben interesante para investigar.

Para alén deses fragmentos de regueifas que perduran na memoria colectiva, Carme contounos tamén a lenda do Canleiro dos Encantos (no mapa podedes ver a súa localización). Esta é a gravación que escollemos para ilustrar o artigo. Na primeira parte, Carme transmítenos a lenda, tal como lla contou súa nai, e a seguir ofrécenos tamén a reelaboración en verso que ela mesma construíu sobre o relato que lle fixera a nai.

Para rematar, queremos darlle as grazas á Asociación de Amas de Casa por se sumar con tantas ganas ao proxecto, e máis concretamente a Aurora, a vicepresidenta, que foi quen nos permitiu contactar con esta nova informante do Ponte na Fala.

Unha opinión sobre “O Canleiro dos Encantos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s