O Canleiro dos Encantos

Van alá tres meses desde o comezo do traballo de campo e logo desta húmida travesía estival xa se nos van afirmando algunhas tendencias do Ponte na Fala. Por exemplo, dúas das máis claras: o informante é preferentemente muller e, ademais, gosta de escribir.

Calquera que estea a seguir este blog pode decatarse doadamente do primeiro destes feitos; do que quizais non falásemos tanto é da recorrente afección á escrita que estamos a atopar entre as nosas e os nosos informantes. Estamos comprobando como estas mulleres e homes, frecuentemente, unen a esa sensibilidade especial cara aos relatos e poesías de tradición oral, o talento e as ganas para realizaren eles mesmos as súas propias creacións.

Disto que estamos a falar é un exemplo claro a nosa última informante, Carme Eiroa, da parroquia Tallo. No seu caso, esta afección xurdiu dun xeito totalmente casual, segundo nos confesa, casual e á vez tan tenro que, co seu permiso, queremos contalo aquí: o caso foi que hai xa uns anos, a daquela pequena Tatiana, con motivo dunha festividade familiar agasallara a súa avoa Carme cun debuxo; esta, buscando un xeito á altura de corresponder o xesto da pequecha, decidiu escribirlle unha carta, e tantas voltas lle deu, tanto leu e releu, e cambiou, e buscou a palabra precisa, que ao rematar sentiu unha enorme satisfacción que a deixou para sempre enganchada á laboriosa arte de escribir.

Carme e a súa neta Tatiana

Sabemos dalgunha outra interesante historia na que relatos da tradición oral serviron como ben que intercambiar, case coma se das mil e unha noites se tratar, pero iso deixámolo para outra ocasión. Agora toca falar un bocadiño máis do que nos deparou o encontro con Carme.

Por unha banda, sacamos unha manchea de regueifas históricas, atribuídas ao célebre Cadete de Figueiroa e mais a outra excepcional e non menos coñecida personaxe, Leonarda. O de excepcional vén porque non era habitual que as mulleres se dedicasen, polo menos publicamente, á arrte de regueifar. De aí o testemuño dunha desas regueifas que Carme nos contou, na que Leonarda usa o tema do abraio que o seu atrevemento producía entre o público feminino.

Para quen non oíse falar de Cadete nin de Leonarda aclaramos que ambos son coetáneos de Eduardo Pondal, poetas populares os dous, regueifeiro e regueifeira, concretamente, e que a lembranza que a nivel popular queda hoxe pola contorna pode darnos idea de ata que punto Bergantiños é terra afeccionada á regueifa. Sen dúbida queda aquí un tema ben interesante para investigar.

Para alén deses fragmentos de regueifas que perduran na memoria colectiva, Carme contounos tamén a lenda do Canleiro dos Encantos (no mapa podedes ver a súa localización). Esta é a gravación que escollemos para ilustrar o artigo. Na primeira parte, Carme transmítenos a lenda, tal como lla contou súa nai, e a seguir ofrécenos tamén a reelaboración en verso que ela mesma construíu sobre o relato que lle fixera a nai.

Para rematar, queremos darlle as grazas á Asociación de Amas de Casa por se sumar con tantas ganas ao proxecto, e máis concretamente a Aurora, a vicepresidenta, que foi quen nos permitiu contactar con esta nova informante do Ponte na Fala.

Advertisements

Mentres haxa quen o conte

A primeira infancia de Rosita transcorreu na década dos corenta do pasado século. Así dito soa a algo distante, pero esa distancia esmorece por obra e graza da palabra chea de vida.

Rosita no salón da súa casa, onde antes estivo a taberna

Rosita no salón da súa casa, onde antes estivo a taberna

Son os primeiros anos da posguerra e a nena críase no porto de Corme, nunha casa con taberna e almacén de subministros que abastece as numerosas embarcacións que daquela recalan na vila. O mar é aínda a principal vía de comunicación, o medio a través do cal se produce a maior parte da actividade comercial, e iso, unido á abondosa pesca, fai de Corme un lugar vivo onde tripulacións de toda a costa galega se cruzan coas doutras moitas nacionalidades europeas.

Ás noites, a nena Rosa érguese do seu leito, no sobrado sobre a taberna, e cauta achégase ate as escaleiras para escoitar mellor as coplas que entre vaso e vaso os mariñeiros botan nas súas horas de lecer. Estas coplas, canda os contos que cada noite lle contaba seu pai ao ila deitar, son a primeira memoria que garda Rosita diso que chamamos tradición oral. Pero mellor deixemos que nolo conte ela.

Rosita é a primeira informante do Pontenafala que verbaliza algo do que sospeitabamos en moitos outros casos. Cando lle preguntamos polo significado que ten hoxe para ela seguir transmitindo esas historias e cancións, respóndenos que, dalgún xeito, mentres ela as siga contando e cantando, as persoas que llas transmitiron seguirán estando vivas.

Frecuentemente, ao lermos ou asistirmos a conferencias acerca da literatura de tradición oral, vemos como se nos fala das diferentes funcións que esta desempeñaba na sociedade tradicional de reigame rural, labrega e mariñeira: a cohesión social, a trasmisión de normas de comportamento, o control relixioso, etc. Quizais sexa que xa non estamos nesa sociedade, que xa non todo o mundo canta, senón só uns, mellor dito, unhas poucas, pero un dos aspectos que a nós máis vivamente nos está a atraer é o interesantísimo perfil individual, case íntimo ás veces, que as persoas realizan de si mesmas a través da súa relación coas narracións e a poesía populares.