A furna dos encantos

Anunciabamos no anterior artigo a nosa chegada a Corme, e xa nos imos decatando de que aquí imos ter leria para tempo. Hoxe, por exemplo, pasamos unha moi agradable mañá na compaña de Suso Lista, o máis novo por agora dos nosos contadores e contadoras de historias.

A de hoxe foi máis ca nada unha primeira toma de contacto; máis ca realizar gravacións o que fixemos foi ir coñecendo algúns detalles da historia e, tamén, da particular idiosincrasia cormelá (ese cariño especial que lle teñen aos de Laxe, por exemplo). Mentres dabamos un paseo pola vila, Suso foinos explicando diferentes aspectos da relación desta co mar: desde o xeito en que marcaba os momentos de lecer e trasnadas da súa infancia ata o incriblemente elevado número de veciños que deixaron a vida nel.

Logo se ve que Suso gusta diso que uns chaman tradición oral e outros contos de vellos. Dinos ademais que apenas haberá un mes que morreu o señor que a el máis contos lle contaba. Seguramente ese señor levara consigo algunhas historias que xa ninguén máis saiba, pero polo menos nós demos con quen nos pode entregar aínda algunhas outras para este arquivo público da memoria de Ponteceso que é o Ponte na Fala.

Suso Lista na Furna do Osmo

Seguiremos falando con Suso pero, por hoxe, deixámosvos con esta gravación feita na Furna do Osmo, co mar soando ao fondo, na que podemos escoitar a definición cormelá deses coñecidos personaxes da fantasía popular que son os encantos. A descrición aparece adobiada ademais con algúns outros datos sobre os costumes da vila e, malia non se tratar propiamente dun conto,  o noso narrador non se priva tampouco contra o final de nos amosar as súas dotes de bo contador. Igual que lle dicimos a todos, esperemos poder convencelo para que participe nas xornadas finais de presentación do proxecto.

O tío Picamillo

Limiñoa, Xornes, A Trabe, Tella… pouco a pouco imos facendo etapas e engadindo parroquias e lugares a esta exposición colectiva sobre  as artes de cantar e contar do pobo de Ponteceso. O pasado domingo chegamos por fin a Corme, e fixémolo coa colaboración da xente da Coral Polifónica Brisas do Mar; gracias a eles puidemos poñernos en contacto con Genoveva e a súa filla Mari.

Genoveva no salón da súa casa, onde estivemos gravando.

Genoveva agardábanos cun caderno cheo de coplas, contos e adiviñas. Díxonos que  as fora anotando desde uns días antes, cando por teléfono estableceramos a cita. Así estaba certa de poder contarnos todo aquilo do que se fora acordando, sen deixar nada atrás. Por desgraza para ela aínda lle queda ben que aturarnos. De feito, o domingo apenas gravamos un par de cousas porque o tempo pasounos falando doutros asuntos. Do seu libro, por exemplo. Si, Genoveva escribe, poemas, concretamente. Tampouco é nada novo… un poema seu sobre o desastre do Prestige foi utilizado nos centros escolares e algún outro requirínronllo para recitar en actos institucionais. Así e todo non atopou de momento a ocasión para poder publicar.

Como falabamos no artigo anterior, as conversas delongadas que envolven normalmente as sesións de gravación serven para nos achegar á experiencia vital da persoa que xenerosamente nos está a entregar o seu saber. E sempre, sempre, o que nos atopamos son persoas verdadeiramente apaixonadas. Ás veces cóntannos historias das que, co seu permiso, nos permitimos falar aquí, simplemente porque cremos que pagan a pena.

No caso de Genoveva o que temos é un triste testemuño dunha sociedade inxusta moitas veces, e especialmente para coa muller. Ela contounos que a súa gran paixón de sempre fora a música, e que a pesar de formar parte dunha familia na que cinco dos seus irmáns eran músicos, a ela foille prohibido só polo feito de ser muller. Deixouno dito do seguinte xeito no seu poema “Homenaxe aos músicos de Froxán”:

Froxán querido Froxán/foches lugar criador/onde baixan os romeiros/de músicos foches a flor […] Son irmán de cinco músicos/que non os podo escancer/que por eu ser muller/música non puiden ser

Afortunadamente para nós esa desagradable experiencia non frustrou o gusto pola palabra e a melodía en Genoveva, así que hoxe, aos seus oitenta e cinco anos, aínda está en disposición de nos amosar o que escribe e de nos transmitir aquilo que a súa memoria foi gardando. Aquí vos deixamos unha primeira mostra

O crime de Florencio

Antes de nada temos que darlle as gracias á Asociación Cultural San Xoán de Xornes, outra entidade máis que decide botar unha man para que este proxecto poida levarse a cabo. Foi a través delas que o pasado venres puidemos falar con Benigna, veciña de Xornes de Arriba, quen nos acolleu con absoluta amabilidade, ao igual que o resto das persoas coas que xa temos falado. Ademais, aturou co mellor humor que fósemos enredarlle unha tranquila tarde de venres e, aínda por riba, emocionounos co seu canto e o seu xeito de narrar.

En realidade pasa igual en cada nova sesión de gravación. Só cómpre non ter présas e ir deixando que se teza paseniño un aquel de confianza. Os contos, as lendas e as cantigas van abrollando de vagar, coma nítidas imaxes que axudan a ilustrar o relato dunha vida.

Así entendemos, por exemplo, por que Benigna recorda tan ben esas longas pezas que nos entregou. Recórdaas porque de nena unha das súas paixóns era escoitar os cegos cantar na feira de Carballo, e que súa nai lle comprase esas “historias” para poder lelas logo mentres chamaba as vacas ou atendía calquera outro labor. A través do seu relato entendemos perfectamente a paixón que Benigna sentiu toda a vida polo canto e as historias.

Tras estar gravando, Benigna acompañounos na procura das malvas que tamén buscaba o protagonista dun dos seus contos

Ademais de recitados, coplas e algún conto, Benigna botounos tres cantares de cego, ou historias, como se coñecen por aquí. Dúas delas están en galego e son de temática humorística e algo picaronas, mentres que na terceira, en castelán, os diálogos van representando un terrible crime. Escollemos esta última para o artigo porque naquel momento notamos claramente como Benigna se deixaba levar pola emoción e nola transmitía a nós. Xa sabedes que a gravación non vai facer xustiza, pero esperamos que coa axuda da filla e a neta, deamos convencido a Benigna para que participe na xornada de presentación.