O traballo de recollida e difusión da tradición oral de Ponteceso vai pouco a pouco aumentando a súa rede de colaboracións coas xentes do municipio. Nesta ocasión unímonos á escola de verán que como cada ano organizan a A. C. Monte Branco e mais a Fundación Pondal.
O venres pasado reunímonos na Casa dos Veciños do Couto cos rapaces e repazas da quenda dos maiores para lles presentar o proxecto e falar acerca da literatura oral popular. Tras esa breve introdución saímos dar un pequeno paseo polo lugar e encontrámonos con dúas amables veciñas que xa nos agardaban, xenerosamente dispostas a compartir connosco a súa sabedoría. A gravación que ides escoitar produciuse durante ese encontro e nela Estrella Ternando fálanos sobre o que sucede no Pozo da Señora, nas abas do Monte Branco. En canto poidamos habémonos achegar ata a localización exacta dese pozo para así poder situar xeograficamente a historia no mapa desta páxina.