Solución da adiviña e homenaxe a Calviño e Mandián

Recordades? Alto me vexo/no meu lugarexo/por culpa dunha risada/perdín a miña anada… quen son? Pois o castiñeiro.

Ben, nuns días habemos pórvos unha nova adiviña pero antes queriamos ensinarvos este vídeo cun fragmento da homenaxe que o pasado día dous tributou a parroquia de Xornes aos regueifeiros Calviño e Mandián. A xornada xuntou boa parte dos mellores regueifeiros novos, chegados de toda Galicia, con veciños e alumnos dos dous artistas homenaxeados.

No fragmento que eliximos, Suso e Antonio de Xornes sintetizan cos seus desafíos a mestura de lembranza  e fino humor retranqueiro que se viviu nesta xornada.

Suso e Antonio de Xornes na homenaxe a Calviño e Mandián

Advertisements

Sesión dobre de conta contos

Este martes tivemos sesión dobre de contadas. Á mañá volvemos a Limiñoa para seguir zugando desa fonte sen fin que é a memoria de Matilde… Non lle queda nada que aturarnos!

Á parte de contos, lendas e recitados, recomendámosvos especialmente dúas gravacións: a primeira serve para inaugurarmos o apartado de Datos de interese e nela escoitaredes como se celebraba antigamente o entroido en Limiñoa, unha xornada chea de xogos e representacións onde o fundamental era o enxeño propio dos participantes. A segunda dános pé para un novo apartado en Para usares e trátase da receita do bolo do muíño; descoñecemos a vixencia que este prato poida ter hoxe en día pero estivemos preguntando e ninguén parecía recordalo, por iso nos parece interesante axudar a difundilo.

Á tarde xuntámonos cos participantes da escola de maiores que organiza o Concello. A confianza que lles outorga o teren compartido aulas axudou a que non fixese falta moito para empezar a romper o xeo e escachar ás gargalladas. Comprobamos que a fama de pavero de Jesús de Tella non era inmerecida e atrás del foise soltando o resto (máis as mulleres ca os homes, todo hai que dicilo).

Escola de maiores

Desta sesión salientamos aquí dous pequenos recitados, o primeiro dos cales chama ademais a atención por mesturar as dúas denominacións dos días da semana. A outra é un trabalinguas (para que se entendese ben tivemos que pedir que se dixese máis ou menos amodo, pero probade a facelo a rápido!).

Cando queres que fíe, condenada!

Trabalinguas do martelo

Vellos contos da Trabe

O pasado sábado andamos pola parroquia de Tella en compaña de dous membros da súa coral polifónica, José Manuel e Xoán Bermúdez. As historias que recollemos alí sérvennos para inaugurar unha nova categoría na sección de Narrativa, categoría que demos en chamar Historias de personaxes locais. Quen nolas contou foi Xoán e case todas elas teñen como protagonista ao seu avó, Pepe O Gaiteiro. A verdade é que botamos a mañá rindo ás cacharadas a conta do enxeño deste célebre persoeiro e ao bo contar de Xoán.

Pepe o Gaiteiro nunha romaría sostendo unha xerra

Rapaces no antigo campo da feira da Trabe

Deixámosvos aquí unha desas historias, para ir abrindo boca, e se queredes máis xa as podedes atopar na antedita sección.